Sunday 08 de September de 2024

A tradición panadeira de Carral cocerase esta fin de semana na XX Festa do Pan


· O inicio da cita supuxo tamén o comezo dos talleres infantís de elaboración de pan e da exposición e venda de bocadillos cardiosaudables.

Ao longo da fin de semana, miles de nenos e nenas poderán descubrir os segredos que se agochan detrás dunha das receitas máis famosas de Carral: a do pan. Co inicio da XX Festa do Pan, volveron os clásicos obradoiros infantís, unha das maiores atraccións desta cita gastronómica organizada polo Concello e a Asociación de Panadeiros.

As longas ringleiras foron comúns tanto no posto de elaboración como no punto de venda de bolos e dos tradicionais bocadillos cardiosaudables. Unha elaboración feita a base de pan, aceite, tomate e xamón.

Ademais destas dúas propostas, o programa do sábado incluirá tamén música en horario de mañá e tamén sesión vermú (ás 14.00 horas) da man do grupo Zona Zero. Xa pola tarde, a partir das 16.30 horas, o alumnado do IES de Carral representará a obra Amar o mar na sala multiusos do edificio social Toñito Espiñeira (os mozos realizarán un segundo pase ás 18.30 horas). Tamén pola tarde darán comezo os talleres de olaría e haberá, ademais, un expositor Pan en 3D. Non faltarán tampouco os espectáculos de zancos e malabaristas (ás 18.30 horas) e a sesión musical de noite (desde as 21.00 horas) cos grupos Zona Cero e América S.L.

Programa do domingo

O domingo, 12 de maio, a Festa do Pan arrincará ás 11.00 horas. Xa desde o inicio comezarán a exposición e venda de pan, os talleres e a feira medieval. Ás 12.30 horas haberá unha misa e procesión en honra a San Honorato, patrón dos panadeiros, que contará coa música do Grupo de Música Tradicional Arnela. A música continuará ás 13.30 horas coa actuación de Gaeloc Medieval e seguirá ás 14.00 horas co concerto de Lume.

Louband porá o toque musical pola tarde (ás 16.30 horas). Ás 17.30 horas levarase a cabo unha exhibición de cetrería. Gaeloc Medieval (18.00 horas), Louband (18.30 horas) e Lume (20.00 horas) encargaranse de amenizar o final da vinte edición da Festa do Pan.

Durante toda a fin de semana, o Campo da Feira contará cun expositor dos centros de ensinanza de Carral e, ademais, con outro en colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro.